Friday 17 de May de 2024

O Mercado da Quintana, promovido por Turismo de Galicia, dinamizará o comercio e o casco histórico de Santiago durante o Nadal


A participación será gratuíta para expositores e visitantes

Turismo de Galicia, xunto co Concello de Santiago de Compostela, organiza a 1ª Edición do Mercado da Quintana, no que poderán participar, exhibindo e vendendo os seus produtos, pezas e coleccións de decoración e produtos de Nadal, artesáns, produtores, comerciantes e restauradores.

Con esta iniciativa búscase dinamizar o comercio e o casco histórico de Santiago de Compostela durante a festividade do Nadal.

A participación será gratuíta tanto para expositores como visitantes, aínda que os comerciantes, artesáns, produtores e restauradores que queiran exhibir e vender as súas pezas e produtos deberán preinscribirse con antelación para solicitar a súa participación.

Para a súa convocatoria establécense cinco bloques de cinco xornadas para os que os potenciais expositores poderán presentar a súa candidatura indicando os produtos, pezas e coleccións que pretenden achegar ao mercado.

Como tipoloxías preferentes ou prioritarias destácanse os produtos, pezas e coleccións de decoración de Nadal, repostaría e doces de Nadal, froitos secos e confeitados, obxectos de menaxe para as festas e outros produtos desta época como esencias, incensos e produtos de aromaterapia, xabóns, instrumentos musicais, xoguetes de elaboración artesanal, caixas de música, licores, viños, escumosos, cotillóns, etc.

O prazo de inscrición permanecerá aberto dende, hoxe, venres 14 de novembro ata o vindeiro luns 24 de novembro, e os artesáns, produtores, comerciantes e restauradores que desexen participar poderán cubrir e enviar o formulario online de preinscrición que atoparán na web do Concello de Santiago: www.santiagodecompostela.org.

Os potenciais expositores poden solicitar toda a información que precisen para valorar a súa participación no evento no correo comercio@santiagodecompostela.org ou nos teléfonos 649 610 692 e 606 955 797.